Thursday 28 de March de 2024

O Concello de Moeche inviste máis de 100.000 euros na reparación de dous tramos de beirarrúas en Abade


Desde hai unhas semanas están executándose en Mil de Arriba, na parroquia de Abade, as obras de reparación e ampliación das beirarrúas que discorren paralelas á estrada de Ortigueira. Trátase dun proxecto adxudicado a José No Mantiñán e Hijos en 70.180 euros -IVE incluído- que non só se centrará na renovación e formación dun novo tramo de beiravías sobre unha distancia total de 320 metros, senón que tamén se está ocupando xa de instalar novas canalizacións soterradas que permitirán ampliar a rede de saneamento municipal. Porén, os traballos non se deterán aí. E é que, onte mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou encomendarlle á mesma empresa a reparación doutros 205 metros de beirarrúas no lugar de Mil de Abaixo. Esta segunda actuación, de comezo inminente, suporá un investimento de 32.183 euros. En ambos casos as obras contan con financiamento provincial dos fondos POS+.

A situación de partida en Mil de Arriba -e razón pola que o Concello deseñou un proxecto integral de reparación- era a dunhas beirarrúas que presentaban numerosos desperfectos, como por exemplo baldosas soltas, materia orgánica e vexetal acumulada nas xuntas, sumidoiros de evacuación de pluviais atoados ou que non cumprían ben a súa función, etc. E ademais de todo o anterior, un estado xeral que requiría melloras urxentes en canto a accesibilidade e incluso a ampliación do tramo peonil.

Como solución técnica optouse polo formigón impreso, moito máis doado de manter a longo prazo e co que é máis sinxelo igualar niveis ao longo de percorridos irregulares, sen contar que o custe por metro é moi inferior ao enlousado tradicional e, polo tanto, é posible cubrir máis traxecto a igual investimento.

As novas beirarrúas irán intercaladas con tramos aglomerados na confluencia con pistas municipais e levarán un ancho, segundo a zona, de entre 1,5 e 1,8 metros. Porén, antes de botar a nova superficie é necesario dotar toda a base con canalizacións axeitadas para a auga da chuvia. Ademais tamén se instalaron xa os pozos de rexistro e máis o colector que permitirá ampliar o saneamento municipal noutros 65 metros.

Reparacións en Mil de Abaixo
En Mil de Abaixo os traballos adxudicados onte en 32.183 euros consistirán, en primeiro lugar, na retirada do antigo enlousado da beirarrúa xa que presenta, igual que en Mil de Arriba, numerosas irregularidades e desperfectos ademais dunha execución deficiente nalgúns puntos. Segundo sinala o estudo previo ao deseño do proxecto, no percorrido atópanse cambios bruscos de nivel -hai resaltes de ata 12 cm de alto-, encontros dos tramos mal feitos e incluso escalóns pronunciados diante de vivendas. Problemas aos que se lle engade o dun sistema de drenaxe que non cumpre a súa función por estar atoado ou por non ter salvado correctamente as diferenzas de altura en todo o seu eixo lonxitudinal.

Para non ter que seguir facendo reparacións puntuais que non arranxarían o problema de fondo, o Concello decidiu repoñer toda a beirarrúa optando tamén por un firme continuo de formigón impreso, que cubrirá unha distancia total de 205 metros cun largo medio de 1,5 metros e unha pendente media transversal dun 2% para facilitar a drenaxe da chuvia sen que esa pequena inclinación se note cando se camiñe pola nova beiravía.

Entre o proxecto de Mil de Arriba e o de Mil de Abaixo, o Concello de Moeche terá rematados en cuestión de semanas 525 metros de beirarrúas totalmente novos en paralelo á estrada de Ortigueira, a que máis tráfico soporta do territorio municipal. O obxectivo principal destas obras financiadas co POS+ e co Plan Adicional 02/2022 é “incrementar a seguridade peonil, tal e como pediu a veciñanza”, comenta Beatriz Bascoy. A rexedora municipal destaca, por outra banda, que as obras “tamén mellorarán o aspecto desa zona de Abade”.